Pablo Moreda, alcalde de Cedeira, e Francisco Pantín, presidente de Afal, entidade que guía os talleres, animan ás familias a sumarse ao programa. As sesións celébranse os martes e xoves de 18 a 20 horas.
Cedeira, 1 de febreiro de 2020. Terapias coas que tentar retardar o avance do alzheimer e mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños afectados, ofrecendo ao mesmo tempo o necesario respiro familiar aos seus coidadores principais. Eses son os obxectivos dos obradoiros que impulsa o Concello de Cedeira xunto a Afal. O alcalde, Pablo Moreda, visitaba esta semana os talleres acompañado do presidente da asociación, Francisco Pantín, e aproveitaba a oportunidade para animar ás familias coidadoras da vila a interesarse pola iniciativa e sumarse á mesma.
Celébranse martes e xoves de 18 a 20 horas na terceira pranta do Auditorio Municipal. Son obradoiros de estimulación cognitiva para veciños que teñen diagnosticada a enfermidade e que se atopan nunha fase inicial ou moderada.