Hai 20 anos, cando a palabra alzhéimer era unha gran descoñecida para a maior parte da sociedade, un grupo de mulleres e homes comezamos a buscar respostas ante un problema común. Todos nós viviamos con impotencia o avance dunha enfermidade nun ser querido sen coñecer, porque así era entón, causas nin consecuencias. E o que máis nos atormentaba, sen dispoñer dun centro ao que acudir, un apoio que solicitar.
Hai dúas décadas, ese grupo de mulleres e homes decidimos cambiar a situación e, en apenas uns meses, constituímos AFAL Ferrolterra. Tiñamos para iso o máis importante: toda a ilusión, ganas de traballar, capacidade de sacrificar moitas horas a nosa propia familia e a necesidade de axudar aos nosos familiares afectados.
Ese empeño, esa loita do día a día, frutificou na apertura do noso Centro de Día Terapéutico para enfermos de alzhéimer. Ferrol converteuse na primeira cidade de Galicia en dispoñer dunhas instalacións deste tipo impulsadas por unha asociación. E iso trouxo consigo unha mellor atención ao enfermo e a posta en marcha dos servizos necesarios para prestar unha atención integral ás familias. Anos despois, e continuando na liña de traballo inicial, o noso labor recibía un respaldo importante ao lograr a xestión, en concurso público, do Centro de Día Terapéutico da Rede Pública de alzhéimer creado pola Xunta de Galicia.
Neste tempo, AFAL Ferrolterra atendeu a centos de enfermos e familias e seguirá facéndoo. Converteuse nunha asociación que dá emprego a decenas de homes e mulleres. E, do que nos sentimos máis orgullosos, hoxe en día, as familias golpeadas pola enfermidade saben que nos teñen ó seu lado para acompañalas, axudalas, apoialas. Ese é o valor fundamental de AFAL, as persoas. Os enfermos, as familias e o seu equipo humano, traballadores e voluntarios.